A comunidade de San Vicente de Nogueira, "exemplo de traballo en pro da loita contra o lume"
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este mércores a comunidade de montes de San Vicente de Nogueira en Meis co obxectivo de coñecer a labor que está a desenvolver na prevención do lume forestal.
Tras dous anos de poda e retirada de madeira, a comunidade puxo en marcha un proxecto de rexeneración dende 2009 para o que recibiu durante todos estes anos un total de 178.000 euros dende a administración autonómica.
O presidente da comunidade de montes, José Manuel Ruibal, explicou que as últimas achegas, de case 30.000 euros, adicáronse á roza mecanizada (poda, clareo e eliminación de biomasa) entre o ano pasado e o actual.
Cores Tourís tamén fixo referencia aos 975.000 euros destinados a un total de 119 proxectos de comunidades de montes da provincia de Pontevedra que permitirán executar diversas labores de cara a preparar o monte para a época estival.