Aprazan por segunda vez o xuízo contra un mozo con múltiples antecedentes por unha malleira á saída dun pub
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que suspender por segunda semana consecutiva o xuízo contra dous acusados de dar unha malleira a un mozo ás portas dun pub de Pontevedra propinándolle patadas e puñadas en diversas partes do corpo e golpeándoo cos cintos que levaban postos, con grandes hebillas metálicas.
Finalmente, a vista oral celebrarase o próximo 5 de outubro, pero este xoves desprazáronse ata a Audiencia Provincial os dous procesados, un deles esposado porque está en prisión por un delito diferente ao que se xulgará na Audiencia. O mozo, Gabriel P.M., conta con numerosos antecedentes policiais e penais, entre eles, un delito que xerara gran alarma no barrio de Monte Porreiro.
Fontes xudiciais indicaron que o mozo foi detido e ingresou en prisión preventiva en xullo de 2016 tras supostamente acoitelar ao condutor dun camión de recollida de lixo da empresa Cespa no barrio de Monte Porreiro sobre as 2.25 horas da madrugada.
O mozo ten 27 anos e é veciño do barrio de Monte Porreiro. O 22 de xullo saíu ao paso do camión de recollida para recriminarlle que circulase en sentido contrario pola rúa. Tras discutir co chofer do camión, supostamente apuñaloulle no costado.
Fontes consultadas indicaron que o mozo tamén ten antecedentes por delitos de lesións, atentado, resistencia, ameazas, danos ou roubo con forza. No caso que levou á Audiencia Provincial este xoves, tentou chegar a un acordo de conformidade coa Fiscalía, pero finalmente non foi posible. Pídenlle tres anos e medio de prisión como autor dun dleito de lesións causantes de deformidade agravado polo uso de instrumento perigoso.
Segundo consta no escrito da Fiscalía, o 23 de agosto de 2014 estaba xunto ao outro acusado no exterior dun pub da rúa Benito Corbal de Pontevedra e mantiveron unha forte discusión cun terceiro individuo. Nun momento dado, golpeáronlle reiteradamente. Como consecuencia dos golpes recibidos, tivo diversas contusións, traumatismo facial con fractura dos ósos propios do nariz, ferida no beizo superior e o tórax e perda dun dente e mobilidade doutro que terminou por perder.