A Xunta organiza campos de traballo en Cerdedo-Cotobade e Vilanova de Arousa
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou este martes dous convenios de colaboración cos concellos de Vilanova de Arousa e Cercedo-Cotobade que permitirán o desenvolvemento de dous campos de traballo nestes municipios pontevedreses.
Estas dúas convivencias están abertas á participación de mocidade procedente de países estranxeiros.
En canto á temática, o de Cercedo-Cotabade reunirá baixo o título "Un rural de cine" a 20 rapaces que realizarán unha curtametraxe sobre o valor social e cultural do rural galego, mentres que o de Vilanova de Arousa terá como actividade principal a limpeza da senda da costa do Terrón-Patiñas, de gran valor ecolóxico e turístico que transcorre pola zona norte deste municipio.
O acto, que tivo lugar nas dependencias da delegación territorial da Xunta en Pontevedra, Rey Varela destacou que a campaña galega de verán dirixida á mocidade é "a máis importante de toda España" cunha oferta superior ás 9.500 prazas en campos de traballo, campamentos, albergues e actividades para xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.
O titular de Política Social lembrou que a oferta estival na provincia de Pontevedra complétase coas 120 prazas dos campos de traballo emprazados nas Illas Cíes.
Rey Varela destacou que este verán, os mozos galegos poderán escoller entre participar nos 28 campos de traballo que se organizan nas catro provincias galegas ou ben elixir entre as prazas que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras comunidades autónomas.
O conselleiro valorou estes campos de traballo como "unha excelente ferramenta de educación non formal para a xente nova" que ademais "axuda a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar".