Comeza a limpeza de vexetación en ríos e regatos en Sanxenxo
Por Redacción
Ante a mala imaxe que presentaban algúns tramos de varios ríos e regatos do Concello de Sanxenxo, operarios da Xunta de Galicia comezaron este venres 22 a limpeza das canles que, debido á abundante vexetación acumulada, presentan dificultades para que a auga circulase con normalidade.
O concelleiro de Medio, José Luis Rodríguez, solicitou o acondicionamento do regato de Mouros e da Barbosa, en Vilalonga, do río de Dorrón e de Fabaiños e Baltar, en Adina.
Durante esta xornada, os operarios iniciaron os traballos na zona de Areas. Alí permanecerán ata o mércores e despois trasladaranse a Noalla. Os traballos céntranse na roza puntual dos treitos nos que a maleza invade a canle, a recolocación de pedras caídas no leito do río á súa situación orixinal, a poda de ramas baixas e a retirada de árbores con risco de caída e de residuos sólidos urbanos.