Optimistas previsións de ocupación hosteleira para o verán nas Rías Baixas
Por Diego Espiño
A chegada de turistas ás Rías Baixas seguirá á alza durante os meses de verán, segundo as estimacións que manexa o organismo provincial Turismo Rías Baixas, nun crecemento que desde a Deputación queren que sexa "sostible e de calidade".
Así o explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, ao presentar as estimacións de ocupación hoteleira na provincia durante os meses de xullo e agosto, que asegura son "prudentes" e "a falta de reservas de última hora e a través de internet".
Desta forma, a ocupación hosteleira chegará ao 78,36% en toda a provincia, o que supón un incremento do 1% con respecto ao pasado ano, chegando algunhas zonas para rozar o 90% de ocupación media durante o verán.
"Teño a seguridade de que superaremos esta cifra", explicou Carmela Silva ao sinalar que outras entidades como o Clúster de Turismo de Galicia falan de polo menos un crecemento do 5% e tendo en conta que despois, coa actualización de datos ao longo do verán, a cifra adoita ascender. Así, en 2016 a porcentaxe de ocupación no período estival foi do 85,6% na provincia.
En canto a comarcas, a estimación para a zona do Salnés sitúase no 81,53% (77% en xullo e 85,57% en agosto), en Pontevedra roldaría o 80%, o que supón 10 puntos máis que hai un ano, e en Caldas o 81,26%, case un 30% máis que en 2016 e que "seguro ten que ver cos festivais Rías Baixas como o Cultura Quente e o Portamérica", recoñeceu a presidenta da Deputación.
Tamén se trasladaron as estimacións previstas para o turismo rural na provincia e que soben 3 puntos ata o 68,29%.
Entre os datos ofrecidos destaca tamén o perfil do turista que visita as Rías Baixas, e que no 36% dos casos trátase de persoas de nacionalidade estranxeira, principalmente chegadas de Portugal pero tamén de Reino Unido e Italia, principalmente. Ademais detectouse a chegada de "un amplo número de turistas americanos, australianos ou holandeses, sobre todo no Camiño de Santiago", recoñeceu a presidenta provincial.
En todo caso, para coñecer máis datos sobre o perfil concreto de turista que chega á provincia, cos seus gustos e inquietudes, e poder definir con maior acerto a próxima campaña promocional de Turismo Rías Baixas, Carmela Silva anunciou que levarán a cabo ata final de ano unha serie de enquisas (1.170 en total) en zonas urbamas, de costa e interior escollendo puntos estratéxicos de maior afluencia de visitantes coa intención de "recoller información fundamental" e "detectar novas oportunidades nas que traballar de cara ao futuro".
Relacionadas:
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: A "Ponte" de Babel
Por Marisa Ciordia |
-
Poio rexistrou na primeira quincena de xullo unha ocupación turística sete puntos superior a 2016
Por Redacción |
-
Maio tivo case o dobre de ocupación que hai un ano, enchendo o 60% dos hoteis das Rías Baixas
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra superou o 90% de ocupación hoteleira na ponte do primeiro de maio
Por Oskar Viéitez |
-
Rías Baixas estima unha ocupación do 85% en Pontevedra na ponte do 1 de maio
Por Alejandro Espiño |
-
"A mellor Semana Santa desde 2010" en ocupación hoteleira
Por Diego Espiño |