Ponte Caldelas reforza cun alxibe os seus medios para loitar contra incendios forestais
Por Redacción
A recuperación dun depósito de auga permitirá reforzar o servizo municipal de Ponte Caldelas para a loita contra os incendios, tanto urbanos como forestais.
Trátase dun alxibe de 6.000 litros de capacidade que levaba varios anos sen uso e que foi recuperado para complementar as prestacións do vehículo motobomba municipal, de 3.500 litros.
Esta cisterna foi desmontada, púxose a punto a súa bomba de impulsión e colocáronselle rodas novas para garantir a súa operatividade, segundo sinalou o goberno local tras unha visita á base da brigada de obras.
O obxectivo desta medida é reforzar o dispositivo local para a atención de emerxencias, que agora conta cun servizo de atención permanente, un operario que debe estar sempre localizado por se se produce unha situación de risco e é necesario intervir.
En canto á prevención de incendios forestais, esta medida únese á recentemente aprobada ordenanza municipal que obriga aos propietarios de leiras urbanas e do núcleo rural a limpalas baixo ameaza de sanción. O prazo para acometer a limpeza voluntaria dos terreos finaliza este venres 30 de xuño, data tras a cal o Concello comezará a emitir ordes de execución cun prazo de 10 días.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas sancionará tres veciños por desobedecer a orde municipal de limpar as súas fincas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expresa o seu malestar polo "deficiente" servizo de bombeiros
Por Redacción |
-
Todas as leiras de Ponte Caldelas deben estar limpas en prevención de incendios antes do 30 de xuño
Por Redacción |