Investigan un veciño de Marín por comprar unha bicicleta por internet e non pagala
Por Redacción
A Garda Civil e o Xulgado de Garda de Marín investigan un delito de estafa do que o presunto responsable sería un veciño de Marín que presuntamente se negou a pagar o importe dunha bicicleta que comprara a través de internet.
Efectivos do posto da Garda Civil de Marín abriron unha investigación tras ter coñecemento de que un veciño de Peal de Becerro, na provincia de Xaén, presentara unha denuncia no posto do instituto armado da súa localidade porque non lle abonaban o importe dunha bicicleta que vendera a través de Internet.
A persoa denunciante anunciou a venda dunha bicicleta de montaña nunha páxina de compra-venda e intercambio de obxectos en Facebook. O día 3 de xuño concertou a súa venda cun veciño de Marín por 450 euros, que deberían de ser abonados por transferencia bancaria. Ao día seguinte, unha empresa de transportes pasou a recoller a bicicleta.
O vendedor requiriu varias veces ao comprador que lle pagase os 450 euros, pero non o logrou e, finalmente, o 22 de xuño, denunciou os feitos por estafa. Días despois, a Garda Civil localiza ao presunto estafador no seu domicilio de Marín.
O home tiña a bicicleta no seu poder e a Garda Civil non o detivo, pero si lle tomou declaración en calidade de investigado por un delito de estafa. Agora os feitos están en mans do xulgado.