O mércores e o xoves fará falta unha rebequita
Por Oskar Viéitez
O mércores tómanse un descanso o sol e a calor, unha pequena pausa estival para os amantes das xornadas de praia debido a unha baixada notable das temperaturas.
Será breve, porque o prognóstico do tempo que ofrece Meteogalicia vaticina que o venres superaranse de novo os 30 graos nas Rías Baixas.
Ao longo deste martes irá aumentando o aire frío en altura. Será pola tarde cando crezan as nubes de evolución no interior.
A partires deste mércores Galicia atoparase baixo a influencia dun pequeno centro de baixas presións localizado preto da Comunidade. Isto fará que os ceos estean parcialmente anubrados durante toda a xornada, sen descartar algunha chuvia feble no litoral atlántico nas primeiras horas e chuvascos tormentosos no interior que pola tarde poden acadar intensidade puntualmente forte.
As temperaturas descenderán, particularmente as máximas no litoral. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable, tomando compoñente oeste pola tarde.
Para o xoves continúan as baixas presións afectando a Galicia xunto cunha bolsa de aire frío en altura cuxa posición condicionará o tempo nesta xornada.Polo tanto, as nubes cubrirán practicamente todo o ceo, con chuvias febles e illadas. As temperaturas, tanto mínimas coma máximas estarán en descenso. O vento soprará frouxo do oeste.
A partir do venres Galicia volve a recuperar as altas presións progresivamente aportando estabilidade. Así, o ceo estará pouco anubrado ou despexado con algunhas nubes polo norte debido ao vento do nordés e con temperaturas en ascenso, acadando valores típicos desta época do ano.