Marea reclama garantir a accesibilidade no Pavillón Municipal
Por Redacción
Facer do Pavillón Municipal un espazo accesible para todas as persoas. É o que pretende Marea coa moción que vén de rexistrar para o seu debate no pleno da corporación.
Trátase, segundo esta formación, dunha demanda histórica da cidade e debe estar encadrada na necesidade dunha ordenanza que garanta a accesibilidade universal na Boa Vila.
Na moción, Marea reclama que se acometan unha serie de obras para resolver as actuais barreiras que se atopan os pontevedreses con mobilidade reducida cando acoden ao pavillón municipal.
Así, piden aseos accesibles tanto persoas con diversidade funcional, que atendan á xente con discapacidade física, sensorial (visual, auditiva e xordo-cegueira) ou cognitiva, ou que teñen unha diminución orgánica funcional, como os pacientes ostomizados.
Ademais, reclaman unha sinalización específica adaptada no exterior e interior do pavillón, que se coloque unha rampla accesible e practicable que de acceso ao bar, que se instale un dispositivo técnico que subtitule ou retransmita os eventos deportivos ou que se reforce a axuda para persoas con discapacidade auditiva.
A moción tamén inclúe que se habilite un espazo a "cota cero" onde se instalen asentos ou se busque unha alternativa viable inclusiva que permita que as persoas poidan gozar dos espectáculos deportivos sen teren que sentarse na parte superior das gradas, fóra do espazo reservado a tal fin.
Relacionadas:
-
As obras de accesibilidade do Pavillón non interromperán a actividade deportiva
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo político para regular os plenos a partir de setembro
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra destinará 231.000 euros en facer accesible o Pavillón Municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O PP reclama a licitación do servizo de cafetería no Pavillón Municipal dos Deportes
Por Diego Espiño |