Un tractor queda calcinado e o seu condutor sofre queimaduras leves nun accidente en Portas
Por Redacción
Un tractor quedou totalmente calcinado e o seu condutor sufriu queimaduras de carácter leve como consecuencia dun accidente rexistrado na tarde deste mércores no Concello de Portas.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o accidente produciuse nunha leira da parroquia de Briallos sobre as 13.55 horas.
O vehículo quedou calcinado por completo e o seu condutor foi atendido polos efectivos sanitarios no lugar do accidente por unhas leves queimaduras, pero non foi necesaria a súa evacuación.
Os efectivos de Protección Civil de Portas contactaron co 112 Galicia para explicar a situación e desde o centro de coordinación alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Salnés. Os feitos tamén foron postos en coñecemento do GES de Valga e a Garda Civil.