A Xunta tende a man á Deputación para falar dos menores do Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
A directora xeral de Familia da Xunta, Amparo González, expresou a súa "satisfacción" polo anuncio realizado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, respecto da viabilidade da Cidade Infantil Príncipe Felipe xa que "anteriormente recibiramos unha comunicación dicindo que a súa intención era pechar o centro".
Neste "marco de colaboración" aberto entre ambas as institucións, a Consellería de Política Social enviou un escrito á deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Villaverde, "co ánimo de recuperar o diálogo e buscar unha solución" respecto ao "conflito" xurdido co convenio de acollemento residencial para menores baixo a tutela da Xunta.
"Estamos dispostos a mellorar o convenio que xa existe", asegurou Amparo González. Desde hai case dúas décadas a Xunta ten conveniadas cen prazas no Príncipe Felipe (75 residenciais e 25 no centro de día).
Amparo González recoñeceu que "é certo" que "somos conscientes de que o perfil dos menores necesitados de protección administrativa cambiou nos últimos anos" aínda que evitou falar de mozos conflitivos ou proto delincuentes, como sinalou a Deputación ao desvelar as agresións infrinxidas por estes mozos a traballadores e a outros menores. A directora xeral optou pola fórmula de "nenos con necesidades especiais" admitindo que "cada vez en idades máis temperás están a manifestar un carácter máis conflitivo e pode haber algún neno que teña un desaxuste emocional e conductual".
Neste sentido ofreceu aos traballadores da Deputación en Príncipe Felipe cursos de "actualización" para "adecuar a súa formación ás necesidades actuais dos menores".
A directora xeral de Familia anunciou que a Xunta ten previsto un novo centro no sur da provincia de Pontevedra que aumente o número de prazas dispoñibles nos dous únicos "centros específicos" que existen actualmente para tratar a estes menores que requiren unha "atención especializada" e que son: a mini residencia Chavea, en Vilagarcía de Arousa, con 15 prazas e Santo Anxo de Rábade en Lugo con 30 prazas.
A creación de "un terceiro centro con máis prazas" está prevista para "finais deste ano ou principios do ano que vén".
A Deputación esixiu á Consellería de Política Social que os informes dos traballadores de Príncipe Felipe sexan vinculantes para aceptar a un menor remitido desde a Xunta; ou ben, propuxo que a Xunta cre unha unidade específica propia para o tratamento destas condutas no recinto da cidade infantil.
Neste sentido Amparo González sinalou que "xa existe" unha comisión de avaliación de propostas de ingreso, de baixas e de incidencias, e lembrou que "corresponde á Xunta de Galicia", a través das xefaturas territoriais e os equipos técnicos, en primeiro lugar "asumir esta garda e estudar cales son os casos e o perfil de cada un dos menores para buscarlles o mellor centro dispoñible".
En todo caso, sobre a petición da Deputación, a directora xeral indicou que "estamos dispostos a falar dentro desa comisión".
Relacionadas:
-
A Xunta e a Deputación manterán unha xuntanza este xoves para tratar o conflito do Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación reitera a súa vontade de "erradicar" a violencia no Príncipe Felipe fronte á "campaña orquestrada polo PP"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP solicita un pleno extraordinario para "fixar a postura" da Deputación sobre Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
José Ramón Piñeiro: "Non debería haber moitos problemas para chegar a un acordo" en Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Presentan catro propostas para "erradicar de raíz" a violencia e o deterioro de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Deputación potenciará Príncipe Felipe: "Non hai ningunha discusión sobre o seu futuro"
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras esixe explicacións sobre os plans para a cidade infantil Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Interveñen cirurxicamente un traballador de Príncipe Felipe tras ser agredido por un menor de 14 anos
Por Oskar Viéitez |