Bueu izou as bandeiras azuis
Por Redacción
A praia de Lagos acolleu este venres o acto simbólico de izado das Bandeiras Azuis 2017, no que estiveron presentes o alcalde, Félix Juncal, a concelleira de turismo, Silvia Carballo, e o concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro. Este acto dá inicio á tempada estival, tras a colocación das correspondentes bandeiras nos areais de Lagos, Portomaior, Lapamán, e Area de Bon, distintivo outorgado pola ADEAC.
O acto deste ano fíxose na praia de Lagos xa que, aínda que o ano pasado se perdeu este distintivo debido á imposibilidade de conseguir socorristas a tempo, leváronse a cabo diversas xestións para que nesta tempada a Bandeira Azul volvese ondear. Así mesmo, hai que destacar que xa están traballando os trece socorristas, sete dos cales se contrataron con cargo ao Concello e os seis restantes mediante a FESSGA (Federación de Socorrismo e Salvamento de Galicia).
Ademais, a vila bueuesa conseguiu este ano o distintivo azul para o Centro de Interpretación de Agrelo, que se estrea este ano por vez primeira, e para a Aula da Natureza de Cabo Udra, ademais de para o sendeiro de Cabo Udra.
O municipio bueués recolle un ano máis os froitos das diversas obras e xestións que levan facendo para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento e acondicionamento do patrimonio natural.