A Xunta de Escola confirma a Juan Picos como director da Escola de Enxeñaría Forestal
Por Redacción
O profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Juan Picos, toma dende este luns o relevo de Enrique Valero como director da Escola de Enxeñaría Forestal.
O actual secretario do centro era o único candidato nas eleccións celebradas este luns e a Xunta de Escola deulle o seu apoio con 17 votos a favor, un en contra e unha abstención, converténdose así no novo director da escola pontevedresa.
Picos estará nesta etapa acompañado por Ángeles Cancela como subdirectora e José Manuel Casas como secretario do centro, ambos docentes con experiencia previa en cargos de xestión da escola en mandatos anteriores.
Tanto Picos como Cancela formaban parte do equipo directivo saínte, unha mostra de que "a nosa idea é poder ter un equipo coñecedor do centro para acompañar o traballo que se estivo a facer nos últimos meses, especialmente na modificación da memoria de verificación, o plan asociado á certificación do sistema de garantía de calidade ou a solicitude de consideración do grao en Enxeñería Forestal como titulación estratéxica no Sistema Universitario de Galicia".
Neste sentido recorda que "malia o tamaño do centro, a súa especialización, a calidade do seu persoal, o impacto das investigacións levadas a cabo e as actividades de transferencia desenvolvidas son chave para achegar valor ao futuro do sector forestal e medioambiental de Galicia".