A Fiscalía mantén a petición de prisión para os donos do Habana Club de Vilaboa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra mantivo a súa acusación e a súa petición de prisión contra os catro socios da empresa que xestiona o Habana Club, un establecemento situado en Vilaboa que aparentemente funciona como local de alterne. Atribúelles un delito contra os dereitos dos traballadores polo que pide que sexan condenados a dous anos de prisión cada un.
Os catro sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial a semana pasada e este xoves regresaron para a recta final do xuízo, no que todas as partes mantiveron as súas conclusións provisionais e realizaron os informes finais.
A Fiscalía acúsaos dun delito contra os dereitos dos traballadores por ter oito traballadoras sen dar de alta na Tesourería Xeral da Seguridade Social, segundo se comprobou nunha inspección no ano 2015. Tiñan, segundo a fiscal do caso, 13 empregados no local, dos que oito que exercían funcións de alterne non estaban dadas de alta a pesar de que todos os seus socios sabían que era a súa obriga realizar o trámite.
O día que se realizou unha inspección no local, estaban no mesmo G.R.F. (que tiña autorización de residencia de longa duración); G.M.M.R. (con autorización permanente); A.V.G. e L.M.R.R. (con autorización de residencia de familiar da Unión Europea); B.G.G. (con autorización de residencia temporal), K.E.S.S.; C.G.C. e G.S. (de quen se descoñece a súa situación legal). Os únicos empregados que estaban de alta eran a cociñeira, a recepcionista, dous camareiros e o un dos acusados, que exercía de encargado e administrador único do establecemento.
Durante o xuízo, os catro procesados mantiveron que as oito mozas non eran empregadas do local nin realizaban funcións de alterne, senón que pagaban 50 euros por utilizar a habitación e tres comidas, almorzo, comida e cea. No seu informe final, a fiscal non deu por válida esa versión e tampouco que os acusados descoñecesen a que se dedicaban.
Ademais das penas de prisión, a Fiscalía tamén pide que os catro acusados paguen multas de 5.400 euros cada un.