Limpeza de pistas en Cerdedo-Cotobade para evitar lumes
Por Redacción
A brigada municipal de Obras do Concello de Cerdedo-Cotobade está a intensificar o seu traballo nos últimos días coa realización de amplas rozas nas vías municipais e coa posta en marcha de melloras urbanas e reposicións no servizo de iluminación pública e no mobiliario.
A maioría de traballadores están a efectuar unha completa limpeza das pistas municipais a través de rozas con tractor ou manuais, naqueles casos onde se necesita unha actuación máis precisa, co obxectivo de mantelas en perfectas condicións durante este verán. O goberno local entende que con estas medidas evítanse incendios forestais e protéxese o medio ambiente.
Estes traballos está previsto que se estendan a todas as parroquias. Ao mesmo tempo, a brigada tamén está a realizar reposicións urxentes en zonas urbanas e acondiciona a iluminación. Un operario especialista en carpintería, recentemente incorporado, encárgase tamén do mantemento do mobiliario.