Parada e A Fraga estrean fontes públicas de auga
Por Redacción
Dous núcleos rurais de Ponte Caldelas, Parada e A Fraga, veñen de estrear novas fontes públicas de auga. A súa colocación responde a unha petición da propia veciñanza, pois carecían de surtidores en lugares onde hai concentración poboacional.
Os operarios municipais ocupáronse do deseño e elaboración das novas fontes, realizadas nunha columna de fundición sobre unha base de formigón e a súa correspondente drenaxe.
O goberno local atendeu así desta forma unha petición que só é posible satisfacer nos núcleos que están abastecidos pola traída municipal.
A mellora serve tamén para cubrir a necesidade do Concello de diversificar os puntos de mostraxe para a análise da calidade e potabilidade da auga na rede municipal, pois a existencia de poucas fontes obrigaba, en moitas ocasións, a que as análises preceptivas se tiveran que facer coa auga de establecementos hostaleiros, moi concentrados no centro urbano.
Agora, explica o goberno municipal, será posible tamén que as mostras se recollan en puntos máis afastados da vila.