Ponte Caldelas acondiciona o acceso a parte do lugar de Rebordelo
Por Redacción
Operarios municipais procederon nos últimos días a completar os traballos de acondicionamento do acceso a un dos barrios de Rebordelo, que se atopaba en pésimas condicións dende hai moitos anos.
O camiño conecta a estrada provincial cun núcleo de vivendas, onde reside un bo número de persoas. Estaba cheo de fochancas, pois o paso dos anos foi causando estragos. Ademais, no seu punto máis baixo formábase unha fochanca relativamente profunda ao carecer por completo de drenaxe.
As obras acometidas consistiron en primeiro lugar no recheo das partes máis deterioradas con pedra e formigón. Tamén foi necesario instalar unha tubaxe para a evacuación das augas pluviais no punto máis baixo. Finalmente, procedeuse a un asfaltado en quente con varios centímetros de grosor, utilizando bastante máis material do que estaba previsto inicialmente.
O alcalde, Andrés Díaz, afirmou que a veciñanza desta parte de Rebordelo xa pode acceder as súas vivendas "sen padecer un acceso do século XIX". Ao tempo, congratulouse do bo resultado das obras acometidas, que deixarán a pista en boas condicións durante moitos anos.
O alcalde tamén aproveitou a xornada para supervisar o avance dos traballos de construción de preto dun quilómetro de senda peonil a carón da estrada provincial que divide a zona alta e baixa de Rebordelo. Trátase doutra petición veciñal que tamén foi atendida polo goberno municipal e que vai vir a facilitar a mobilidade, a seguridade e o lecer dos veciños.