Chaín homenaxea ao famoso canteiro e alcalde de barrio 'O Quintas'
Por Redacción
Todo o pobo de Chaín xuntouse este venres para recoñecer a traxectoria vital de Manuel Quintas Ventín, coñecido como 'O Quintas', que foi alcalde de barrio nos anos 50 e un dos máis célebres canteiros de Ponte Caldelas.
O acto también supuxo a inauguración dunha placa conmemorativa na entrada da súa casa. Ata agora estaban as siglas en forxa do 'Quintas' e agora tamén pode lerse un recoñecemento institucional a un home que deixou a súa pegada na historia do concello. O alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro Enrique Vidal foron os encargados de descubrila.
O barrio de Chaín editou un folleto no que se recolle a vida do 'Quintas' e o seu legado, que inclúe a construción ou restauración de sete cruceiros situados na Carqueixiña (o camiño que unía Regodobargo coa Insua), o da Perciña (Chaín), os da Porta e do Eido (ámbolos dous en Chaín), o de Cotiño (A Insua), o do cruce de Chaín coa Insua e os das Laxes e do Camiño (ámbolos dous en Silvoso). Tamén é o autor das fontes da Taberna (Chaín), do Muíño das Laxas (Silvoso) e a fonte do Val do Cruceiro, tamén en Chaín.
A práctica totalidade destas pezas, que hoxe forman parte da etnografía de Ponte Caldelas, datan dende os anos 90 ata hai ben pouco. 'O Quintas', de 93 anos e viúvo, ten unha filla, unha neta e unha bisneta.
Entre outras cuestións, a homenaxe serviu para poñer en valor que, como alcalde de barrio, correspóndelle o mérito de ter construído o acceso orixinario a Chaín, que antes era unha simple corredoira. Todos os presentes coincidiron en que era un home moi traballador e que exercía o seu cargo de alcalde de barrio con autoridade, obrigando a xente a ter as casas coidadas e as fincas limpas.
Contan que cada vez que acudía a un traballo ou a visitar a alguén levaba unha fouce e ía limpando as herbas polo camiño e a el tamén se debe o cambio de nome do camiño onde vive, que antes era a Costa da Capela e que pasou a chamarse Camiño da Paz. Alí levantou un peto de ánimas dedicado á Sagrada Familia aproveitando a lousa do altar da antiga capela de Chaín, unha pedra de muíño, a columna dunha viña e outros restos que foi atopando.