Condenan á discoteca Carabás a indemnizar un mozo pola agresión dun dos seus porteiros
Por Diego Espiño
A discoteca Carabás deberá indemnizar un mozo pontevedrés, M.Q., con 7.301,21 euros, máis intereses de demora, por unha agresión sufrida ás portas do local.
A sentenza do xulgado, con data de 21 de febreiro de 2013, establece probado que foi un dos porteiros o autor da agresión, que lle produciu ao demandante unha fractura de mandíbula e a perda dun molar, co conseguinte período de ingreso hospitalario, operación cirúrxica e baixa médica, "non cabe dúbida de que foi un dos porteiros da citada discoteca o autor da agresión, dos que se desprende a responsabilidade ' in vigilando' da entidade demandada e do encargado da discoteca conforme ao artigo 1903.4 do código civil".
A pesar de que a avogada do agredido, a letrada Rois Méndez, formulou un acordo a Carabás, este non se chegou a concretar e tívose que chegar a xuízo. Agora a discoteca deberá aboar a indemnización nunha condena conxunta e solidaria coa compañía de seguros.
Os feitos remóntanse á noite do 12 de decembro de 2010, cando M.Q. intentou acceder ao local arredor das 5:00 horas, impedíndolle o paso o persoal da entrada alegando que levaba calzado deportivo. Conforme ao relato do agredido, ao ver que outras persoas accedían á discoteca con ese tipo de calzado dispúxose a gravar a escea co seu móbil, momento no que o porteiro se abalanzou sobre el golpeándoo na cara.