Restauran infraestruturas de rega abandonadas en Silvoso
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas logrou recuperar dúas singulares pezas da etnografía popular nos lugares de Silvoso de Arriba e Silvoso de Abaixo. En ambos os dous casos trátase de infraestruturas construídas no seu día polos propios veciños para encorar a auga de rega das veigas e que agora estaban abandonadas e se restauraron e recuperaron a petición da veciñanza.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, en Silvoso de Arriba recuperouse un pequeno encoro de pedra a carón dunha pía de lavar. O conxunto limpouse e restaurouse, encintando todas as pezas para evitar as perdas e filtracións. Ao mesmo tempo, despexouse para que a auga flúa adecuadamente.
En Silvoso de Abaixo a actuación consistiu na limpeza completa dun rego, que estaba completamente atoado de terra e raíces. A auga desemboca nunha pequena comporta de formigón, cun sistema de peche para facilitar a acumulación. Toda a peza foi completamente reconstruída, así como o muro de sustentación, a carón da estrada autonómica, que foi preciso erguer e asegurar, pois estaba medio caído.
O alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro Enrique Vidal, veciño de Silvoso, visitaron as dúas obras durante esta semana e insistiron na necesidade de manter estas redes populares de rega, que teñen atractivo cultural e, ademais, aínda prestan un servizo que o Concello debe procurar manter en boas condicións para que a veciñanza continúe unida ao territorio e traballando a terra.