Unha nova campaña "vende" Pontevedra como cidade dos nenos na busca do turismo familiar
Por Redacción
Unha nova campaña de promoción convida á xente a gozar da cidade. Con ela, Pontevedra busca reivindicarse como a cidade dos nenos e das nenas e darlle pulo á aposta do Concello por un turismo familiar.
A campaña, que impulsa a concellería de Promoción da cidade, ten un aceno lúdico e convida aos máis pequenos a xogar, deixando claro que esta é unha cidade aberta, amable, inclusiva e acolledora, ideal para que as familias gocen dela e vivan nela, destaca o Concello.
Grandes cubos situados en puntos estratéxicos da cidade, con mensaxes que poñen a énfase no modelo urbano que pensa e coida das persoas, de todas as persoas, identifican a nova campaña.
Neles están recollidas tamén as propostas de actividades para que os nenos e nenas de fóra e de aquí descubran e gocen da cidade con xogos, roteiros e a posibilidade de ocupar as rúas e prazas sen perigo. Mesmo os cubos son un elemento de xogo a tiro de man dos cativos.
Os textos dos cubos están escritos en galego, español e inglés. Terán códigos QR coas actividades concretas que irán ligadas ao web de turismo e que se desenvolverán ao longo de todo o ano.
Coñece Pontevedra, Goza Pontevedra en Familia, Enchemos de risas as rúas e prazas, Os nenos facemos mellores cidades, Pontevedra, a cidade dos nenos e nenas, Non molestar os nenos mentres xogan ou Vivir o río Lérez son algúns das mensaxes da nova campaña de promoción turística de Pontevedra.
Ao abeiro da campaña desenvolveranse actividades con nenos que teñen como obxectivo o lecer de toda a familia.