Andrés Díaz traslada a Leiceaga o seu descontento pola discriminación da Xunta con Ponte Caldelas

Por Redacción
O portavoz do grupo do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, Xaquín Fernández Leiceaga, mantivo unha xuntanza este luns co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, na que repasaron a "axenda política" deste municipio, marcada "pola discriminación por parte da Xunta de Galicia, non só bloqueando os investimentos autonómicos, senón mesmo o aproveitamento de infraestruturas xa existentes como a Central de Transportes ou a Casa da Quintán", dixo o alcalde.
O alcalde recalcou que a Xunta mantén unha "estratexia de investimento cero en Ponte Caldelas", a onde só chegan as escasas subvencións regradas, "mentres nos concellos limítrofes, gobernados polo PP, alcánzanse investimentos que se aproximan aos 6 millóns de euros".
Entre outros asuntos Andrés Díaz expresou o seu "descontento" co mapa de emerxencias e recalcou que a veciñanza de Ponte Caldelas está "vendida" en caso de que se produza un gran incendio.
O portavoz parlamentario dos socialistas galegos expresou a súa opinión favorables sobre o clima político de Ponte Caldelas, onde o Goberno local tripartito formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG está a dar "unha imaxe de unión e coordinación moi gratificante".