VÍDEO.- Un turismo cae ao río en Ponte Sampaio e varios barcos e un guindastre conseguen reflotalo e levalo a terra
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
Un turismo estacionado nunha zona en rampla entre a praza de abastos de Ponte Sampaio e as instalacións do club de piragüismo caeu ao río Verdugo este xoves e acabou afundíndose, sendo necesaria unha complicada tarefa de rescate para levalo de novo a terra.
Todo ocorreu sobre as 14.00 horas deste xoves. Por causas que aínda haberá que determinar o vehículo, un Citroën, empezou a deslizarse rampla abaixo, sen que o seu propietario nin outros veciños que se atopaban no lugar lograsen facer nada para impedilo, segundo relataron testemuñas presenciais.
O suceso chamou a atención aos usuarios da praia fluvial de Ponte Sampaio, situada a escasos metros do lugar, e moitos se desprazaron ata o punto onde estaba o coche para prestar axuda. Mentres o vehículo estaba a flotar, intentaro lanzar unha corda á auga, atárona ao vehículo e empezaron a tirar dela, con intención de impedir que seguise afundindo e, con axuda dun camión, facer forza para sacalo á superficie.
As intencións foron inútiles e xa non chegaron a ir buscar ese camión, pois, pouco despois, o vehículo estaba totalmente afundido, afastouse da beira río dentro e xa resultaba inútil. Para impedir que a corrente seguise arrastrando o coche río dentro, ataron a corda a un hórreo situado nas inmediacións.
Alí continuou durante as horas seguintes, ata que finalmente, sobre as 17.00 horas, lograron sacalo á boia coa axuda dun guindastre de grandes dimensións, varios barcos e varios bañistas.
Varios barcos de pequeno tamaño achegáronse ata el para tentar facer forza e achegalo ata a beira. Unha vez que se logrou, suxeitaron o enganche no coche e varias persoas botáronse á auga e axudaron no rescate.
O suceso mobilizou a unha patrulla da Policía Local de Pontevedra e xerou gran expectación en toda a parroquia de Ponte Sampaio e entre os condutores que circulaban sobre a ponte medieval, desde o que se vía toda a escena.