O Campionato de España de Natación Absoluto deixou 234.348 euros na Boa Vila
Por Redacción
A avaliación encargada polo servizo municipal de Deportes e feita por un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo da repercusión do XVIII Campionato de España Natación Absoluto Open de Primavera amosa a rendibilidade do binomio Pontevedra-deporte.
Os expertos universitarios vencellados ao Máster de Xestión Empresarial do Deporte e a Facultade de Ciencias Empresariais do Turismo cifraron en 234.348,62 euros o impacto económico deixado na cidade polos asistentes e define un alcance mediático do evento de 338.540 persoas o que supón que de ter que ser contratada a publicidade para chegar a esa audiencia o Concello tería que ter investido 1.217.317,45 euros.
O campionato, desenvolvido do 8 ao 11 do pasado mes de abril complexo deportivo Rías do Sur (Pontemuiños), reuniu en Pontevedra a elite da natación do Estado mobilizou a un total de 902 persoas. Calcúlase un gasto medio por persoa de 259,8 euros por asistente.
A hostalaría e a restauración foron os sectores máis beneficiados e en menor medida o comercio e os locais de ocio.
A organización dun evento de elite como o Campionato de España de Natación Absoluto xera tamén por ela mesma un impacto económico directo que neste caso supuxo uns ingresos para Pontevedra de 9.093,23 euros e un gasto realizado fóra de 51.948,93 debido a necesidade de traer material deportivo e loxístico específico dende outros centros deportivos de elite ou clubs ata Pontemuiños.
Os autores do estudo avaliaron tamén o que chamaron prezo na sombra, que fala do interese dos espectadores por asistir a un evento que foi de balde. Seis de cada dez -o 64,77% dos asistentes- expresaron a súa boa disposición a pagar unha entrada por asistir ao evento fronte a un 34,72% que dixo non. O prezo medio disposto a pagar polos que amosaron a súa dispoñibilidade a facelo era de 7,36 euros ao día ou 28 euros por todo o campionato.
O Campionato Absoluto que trouxo, entre outras estrelas da natación, á campiona olímpica Mireia Belmonte, é unha cita de adultos o que explica limitada mobilización de persoas -fronte a campionatos máster ou junior que traen un maior número de acompañantes- e a enorme repercusión mediática obtida.
Durante catro días -do 8 ao 11 de abril- Pontevedra foi a capital da natación e estivo nos medios audiovisuais e dixitais de xeito permanente e sumando referencias na prensa escrita.
Teledeporte de RTVE, cunha audiencia de 338.540 espectadores; 442 referencias en Google, referencias e actualizacións na prensa dixital, artigos en medios como Marca, 20 Minutos, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Economista ou Europa Press falan do impacto mediático dun evento desenvolvido en Pontevedra.
O Concello de Pontevedra tería que ter investido 1.217.317,45 euros para acadar o alcance promocional do Open
Tomando como referencia só a audiencia de Teledeporte e tendo en conta que o gasto en publicidade para chegar a unha persoa é de 3,6 euros, o equipo da Universidade de Vigo conclúe que o Concello de Pontevedra tería que ter investido 1.217.317,45 euros para acadar o alcance promocional do Open.
Citas como o XVIII Campionato de España de Natación Absoluto Open de Primavera contribúen a consolidar a Pontevedra como cidade de eventos deportivos o que redunda en beneficios económicos directos e xeran unha repercusión social, deportiva, de imaxe de cidade e turística de longo percorrido. Unha realidade na que ten moito que ver a organización que recibe parabéns do 96% dos asistentes.
O equipo avaliador aproveitou o traballo de campo feito para coñecer o interese pola cidade xurdido ao abeiro do campionato: o 98% indicou que repetiría a visita a Pontevedra con tempo e coa familia.