O público infantil ocupa a Praza de España para bailar ao son da Pequena e Grande Orquestra
Por Cristina Saiz
O longo desfile da Batalla de Flores deste venres aínda deixou con enerxía aos máis pequenos, que se converteron nos protagonistas do espectáculo que se ofrecía no gran escenario da Festas da Peregrina na Praza de España. Alí, a Pequena e Grande Orquestra realizou un repaso da música infantil galega máis tradicional e coñecida.
Os éxitos da xeración Xabarín e tamén temas coñecidos da música infantil internacional fixeron que os máis pequenos bailasen e cantasen acompañados polos seus familiares.
Ao longo deste sábado, o público infantil conta co seu habitual espazo no Ganapán do Mercado de Abastos e alí poderán coñecer un alimento moi habitual en Colombia e Venezuela, as arepas. Será a partir das 12.00 horas.
A Praza de España acollerá a partir das 22.30 horas o concerto de dous dos grupos máis relevantes do actual panorama musical galego, Novedades Carminha e Familia Caamagno.