Todo preparado (e seguro) para o Combate Naval de Vilagarcía
Por Redacción
Todo está preparado xa para que a partir da medianoite deste sábado ao domingo o tradicional Combate Naval poña fin ás festas de San Roque de Vilagarcía de Arousa. O espectáculo pirotécnico, con 151 anos de antigüidade, desenvolverase na zona do peirao do Ramal e as praias da Compostela e A Concha.
Para o festival de luz e cor utilizaranse este ano máis de 600 quilos de pólvora, que se lanzará en 5.000 disparos. As novidades chegarán na colección de lumes aéreos, coa introdución da gama de tons pastel e no ceo volverán verse corazóns e as cariñas sorrintes ou 'smiles'.
Para garantir que todo se desenvolva con todas as garantías de seguridade, o equipo de inspeccións da Intervención de Armas e Explosivos da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra supervisou na mañá deste sábado o material empregado pola empresa encargada de levar a cabo o espectáculo pirotécnico.
No ámbito das competencias que a Garda Civil ten atribuídas nesta materia en todo o territorio nacional, os especialistas da Intervención de Armas desprazados a Vilagarcía de Arousa verificaron as autorizacións esixidas para este tipo de eventos e levaron a cabo unha minuciosa comprobación de todas as medidas de seguridade.
A Garda Civil lembra que o Plan de Seguridade e Emerxencia dos Espectáculos Pirotécnicos con fins recreativos recolle unha serie de recomendacións para as persoas que asistan a este tipo de espectáculos, entre elas, respectar as instrucións do persoal de seguridade, non exceder o perímetro de seguridade acoutado con valos e/ou cinta e, se é responsable dun menor, educarlle para que non recolla, use ou manipule artificios pirotécnicos, adoitan causar danos irreversibles. Se un artificio pirotécnico cae ao chan sen explotar, recomendan non tocalo nin empuxalo co pé, pode estourar.
Por outra banda, medio centenar de persoas participan este ano no operativo especial de seguridade deseñado con motivo da celebración, dos que 38 son achegados polo Concello entre Servizo de Emerxencias e Policía Local. O resto achéganos as policías Nacional e Portuaria, a Garda Civil, Capitanía Marítima e a Axencia Galega de Emerxencias (Axega).