Música e animación en Portonovo ao redor de restaurantes sobre rodas
Por Oskar Viéitez
Portonovo acolle esta fin de semana o Festival Parranda & Trucks, unha concentración de restaurantes sobre rodas cunha programación moi completa con múltiples propostas para todos os gustos, aptas para todos os públicos e pensadas para toda a familia.
O venres día 1, o día comeza coa sesión vermut a partir das 14.00 horas co grupo local Os Lisensiados. Ás 18.00 horas, Flastop Cabaret, a cargo da compañía de Nelson Quinteiro, un asalto escénico que converte a zona nunha gran festa, con animación na rúa, street márketing e moito cabaret.
A partir das 20.00 horas, sesión DJ's e ás 21.30 horas, Novecento Cabaret, espectáculo de danza e teatro sobre as vangardas de principios do século XX. O día termina ás 22.30 horas cun concerto especial de Ricardo Parada, con cancións de Silvio Rodriguez, Serrat ou Joaquín Sabina.
O sábado pola mañá estará ambientado polo grupo de gaiteiros Río de Anxo e ás 14.00 horas darán un concerto. Pola tarde ás 18.00 horas Flastop Cabaret, a partir das 20.00 horas sesión DJ's e ás 21.30 horas, Novecento Cabaret. Ás 22.30 horas o concerto será de Pablo Balseiro Dúo e a continuación o grupo de San Rockers de Vigo. Son dúas propostas que comezan con música mestiza e ritmos latinos, para pechar a velada con versións do pop rock nacional.
O domingo día 3 ás 14.00 horas haberá sesión vermut con Leo Fever e Suso Cortegoso que interpretarán temas de Chavela, Janis Joplin ou Liza Minelli. Xa pola tarde, ás 20.00 horas será o Pequeño Cabaret Infantil, un teatrillo con contos de toda a vida e un circo de pulgas.
A cita termina cunha sesión de DJ's a partir das 21.00 horas e o concerto do Grupo M80, veteranos de orquestras de renome que se unen para dar un concerto moi especial, con música de todos os tempos, desde os Beatles aos Rolling, pasando por Led Zeppelin.