O Plan Concellos financia a rede de saneamento no entorno da igrexa de San Andrés de Barrantes
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento para a vila de Ribadumia ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. Cun importe total situado en 70.326,86 euros, o concello da comarca do Salnés poderá financiar a rede de saneamento no entorno da igrexa de San Andrés de Barrantes.
Con esta nova partida, sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, "ata o momento xa se aprobaron máis de 426.000 euros dos preto de 456.000 que lle corresponden a Ribadumia ao abeiro do Plan Concellos 2017", que supón que a porcentaxe total adxudicada ata hoxe no concello se sitúe no 93,54%.
Anteriormente, Ribadumia xa recibira a cantidade de 303.934,76 euros na liña 1 para levar a cabo un muro de contención para a formación da senda peonil en Leiro, adquirir unha fregadora limpadora e unha retroexcavadora minipala, actuar na rede de alumeado público de Leiro e Besomaño así como na rede de saneamento do Freixo, Sisán e Barrantes.
Á marxe da liña 1, outros 20.000 euros en liña 2 foron para distintos gastos correntes e actividades como a programación do auditorio municipal de Santa Baia de Ribadumia e a exaltación do viño autóctono na XLV Festa do Viño Tinto do Salnés. Finalmente outros 102.592,13 euros en liña 3 foron para a contratación de 12 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.
O goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para Ribadumia, leva xa distribuídos máis de 33 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 80% do Plan Concellos.