A Deputación realizará sete cursos de formación para persoas desempregas
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a realización de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas desempregadas durante os exercicios 2017 e 2018.
Concretamente serán sete cursos destinados a 75 persoas da provincia de Pontevedra para os que se investirán preto de 175.000 euros.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que "poñemos en marcha un novo programa formativo dirixida a aquelas persoas que por mor da crise non teñen a formación suficiente para ter espazos de empregabilidade que lles permitan acceder a un posto de traballo. De feito todas as accións foron elixidas en función da demanda que hai deste tipo de persoal no conxunto dos sectores económicos da nosa provincia".
Máis polo miúdo, a formación que se impartirá nestes sete cursos centrarase nas seguintes áreas: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (curso de 450 horas), docencia da formación profesional para o emprego (380 horas), promoción turística local e información ao visitante (690 horas), xestión de chamadas de teleasistencia (310 horas), comunicación en lingua castelá (120 horas), competencia matemática (120 horas) e comunicación en lingua galega (25 horas).