O turismo náutico, nova aposta da Xunta para potenciar a eurorrexión Galicia-Portugal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Reino Unido, Alemaña, Francia, América e os países escandinavos son os mercados aos que a Xunta quere chegar a través do Proxecto Ecodestin_3IN, unha iniciativa que busca a promoción do turismo náutico para chegar a captar a novos visitantes a través da proxección de 17 portos deportivos de Galicia, dez deles vinculados coa iniciativa Cruceiros Costeiros.
A proposta inclúe cinco destinos: a ría de Pontevedra, a de Vigo, Arousa-Ulla, Miño e a costa portuguesa-Porto, dentro dun proxecto que quere promover a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cun investimento de 2.200.000 euros ata o ano 2019 destinada a mellorar a accesibilidade dos portos, crear novos produtos e promocionar os municipios desde un punto de vista patrimonial, histórico, mariñeiro, cultural e natural.
Isto leva a apertura e accesibilidade dos portos durante as 24 horas do día para disitintos colectivos, entre eles, os que estean relacionados con persoas con discapacidade.
Este xoves, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ademais de Manuel Soliño, presidente da asociación galega de actividades náuticas (AGÁN+), que lidera este proxecto, presentaban a iniciativa que este mes de setembro xa contempla unha decena de saídas en Ferry cun máximo de 67 prazas en cada embarcación.
A idea, segundo expuxo Alfonso Rueda, é atraer outro tipo de turismo a Galicia e continuar coa tendencia positiva dos tránsitos de embarcacións nos portos. Unha cifra que en Galicia nos últimos catros anos incrementábase nun 30% e que quere seguir en aumento.