Multado por conducir mentres manipulaba un teclado conectado a unha tablet
Por Natalia Puga
O perigo das distraccións ao volante non é novo e periodicamente póñense en marcha campañas de sensibilización para recordarllo aos condutores. Esta semana a Policía Local de Pontevedra pon en macha unha nova campaña con este obxectivo, que chega cando esta imprudencia está moi de actualidade na cidade, cun home denunciado por conducir ao tempo que manexaba un teclado.
Segundo informou a Policía Local, o condutor infractor conducía unha furgoneta de reparto e foi sorprendido polos axentes cando manipulaba un teclado, que estaba conectado a unha tablet ao tempo que circulaba pola avenida Domingo Fontán.
O caso non resulta tan curioso como o detectado en 2015, cun conductor que levababa o coche ao tempo que se facía un selfie para enviarlle ao dentista, pero é igual de perigoso, e a nova campaña da Policía Local centrarase en controlar que non se repitan este tipo de distraccións.
Os axentes aumentarán os controis e establecerán servizos de vixilancia co obxectivo de realizar uns controis diarios a condutores que circulen polas rúas da cidade. Prestarán especial atención aos condutores profesionais, aos que se teñen detectado con frecuencia usando dispositivos GPS ou albaráns ao volante.
A campaña prolongarase ata o 30 de setembro e busca reducir estatísticas como a que constata que en máis do 60 % dos accidentes de tráfico da cidade de Pontevedra están presente os despistes. No ano 2016, resultaron feridas como consecuencia de accidentes de tráfico 149 persoas (18 graves e 131 leves) e moitas desas consecuencias podían terse evitado cunha adecuada atención á condución.
Os expertos apuntan que a desatención á condución adoita producirse por accións que se realizan á vez que se conduce: unha conversación polo teléfono móbil -aínda que se produza usando as mans libres-, fumar ou manipular en marcha aparellos instalados no automóbil, tales como navegadores ou reprodutores de música.
A Policía Local de Pontevedra recorda que usar o teléfono móbil mentres se conduce impide percibir un 50 por cento da información da estrada. Trátase dun elemento de distracción que multiplica por catro a posibilidade de sufrir ou provocar un accidente. Desde o ano 2010 diminúen as infraccións de tráfico en Pontevedra, pero aumentan as denuncias por uso de móbil ao volante.