As traballadoras de Kiddy's Class reclaman as mesmas condicións laborais que ten Zara
Por Redacción
Traballadoras da tenda de roupa de nenos Kiddy's Class, pertencente ao grupo Inditex, saíron este martes á rúa acompañadas de representantes sindicais de UXT para denunciar a "discriminación" que sofren nas súas condicións laborais en comparación co persoal que traballa para a marca Zara, do mesmo grupo téxtil.
A delegada sindical de Kiddy's Class en Pontevedra, Leticia Recamán, explicou que o único que piden á empresa é que as súas condicións laborais "se comparen con el convenio de Zara", o que implicaría melloras a nivel salarial, pero tamén na parte máis social do convenio.
Así, reclaman un plus de asistencia ao traballo que implicará un mínimo de 80 euros no salario ao mes -en función das horas de traballo de cada contrato-, o mesmo pago por cada domingo traballado -na actualidade cobran 80 euros e en Zara, 160- ou que se equiparen os dereitos á hora de favorecer a lactación materna e a conciliación da vida familiar e laboral.
As negociacións do convenio comezaron antes do verán, pero romperon o pasado mes de agosto, de modo que o persoal de Kiddy's Class decidiu saír á rúa con esta primeira concentración. Non teñen expostas novas mobilizacións porque confían en seguir negociando e chegar a un acordo.
Na tenda de Kiddy's Class en Pontevedra traballan 12 persoas, máis da metade cun contrato de 27 horas. En nome das súas compañeiras, Leticia Recamán reivindica que "temos a mesma dirección de tendas, o mesmo xefe, o mesmo de recursos humanos" e, con todo, en Zara teñen mellores condicións. "Son cosas que no tienen sentido", engaden.