A Xunta financiará a contratación de varios perceptores da Risga nos concellos
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará a contratación dun grupo de perceptores da Risga (renda de integración social de Galicia) que ao longo dos próximos meses se encargarán de reforzar diversas tarefas de interese e utilidade social.
A medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión.
O goberno galego achega a financiación dos custos salariais destas persoas (incluída a cotización á Seguridade Social).
Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou dispoñan de máis de 45 anos.
As condicións do contrato serán as establecidas no convenio laboral correspondente ao posto de traballo que desempeñan.