O Concello non modificará, por agora, os horarios da carga e descarga
Por Alejandro Espiño
Non prosperou a moción que Marea presentou ao pleno municipal para modificar os horarios dos aparcadoiros de carga e descarga na cidade de Pontevedra. A abstención do PSdeG-PSOE, xunto co rexeitamento frontal do BNG, impediu que se aprobase esta iniciativa, apoiada tamén por Cidadáns e o Partido Popular.
Marea propoñía reducir o horario de carga e descarga na cidade, a excepción do centro histórico, ata as 19.30 ou as 20.00 horas en lugar das nove da noite. Ademais, pedían que se permitise aparcar nas zonas destinadas a servizos durante media hora, en lugar dos quince minutos actuais.
Con esta medida, segundo Luís Rei, poderíanse beneficiar especialmente os residentes das rúas máis céntricas que carezan de garaxe e ampliaríanse as posibilidades de atopar aparcadoiro libre e gratuíto para todos os cidadáns.
Pero o goberno municipal rexeitou aplicar eses cambios. O edil César Mosquera chegou a asegurar que, nalgúns casos, o horario actual da carga e descarga "non chega" e lembrou que se debe buscar un "equilibrio" entre as necesidades de todos os cidadáns "para que todo funcione".
Mosquera, en todo caso, asegura que os técnicos municipais avalían "constantemente" a posibilidade de facer cambios no sistema de mobilidade da cidade, pero descartou que se aprobe unha "norma ríxida" que modifique o sistema actual de aparcadoiros, apostando por ser "tolerante" cos límites de tempo marcados para os estacionamentos.
Desde Marea lamentaron esta negativa e acusaron ao BNG de construír un "muro infranqueable" tras o que se protexen para "non aceptar suxestións de ninguén".
CONVENIO CON RÍAS DO SUR
Pola súa banda, o pleno si aprobou a iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE para instar ao Concello a asinar un novo convenio coa Fundación Rías do Sur que permita que, tanto os cidadáns como os clubs deportivos da cidade, poidan usar o complexo de Pontemuíños.
Toda a oposición apoiou a iniciativa socialista, pero a edil de Deportes, Anxos Riveiro, asegurou que o goberno municipal renovará ese convenio cando este acordo "sexa beneficioso" para o concello e os propios clubs.