Arredor de 200 persoas amosan o apoio ao pobo catalán nunha concentración de protesta
Por Anxo Lourido
Tras unha pancarta na que se lía 'Galiza com Catalunya' ao redor de 200 persoas mostraron o seu apoio ao pobo catalán ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra no atardecer deste domingo tras unha convocatoria urxente, que se realizou nas sete principais cidades galegas.
Na concentración de Pontevedra atopábanse o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o rexedor de Barro, Xosé Manuel Abraldes, ademais de diferentes integrantes do BNG nas corporacións de Pontevedra e Poio e o deputado nacionalista Xosé Leal e o ex portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Tamén asistiu ao acto un grupo de representantes da formación Marea Pontevedra liderado pola concelleira Carmen Moreira. Varios representantes do sindicato CIG, co secretario comarcal Marcos Conde, sostiñan a pancarta acompañados pola concelleira Carmen Fouces.
Entre os asistentes podíanse ver ademais de bandeiras de Galicia coa estrela vermella, unha senyera e unha ikurriña que portaban dúas mozas. Os participantes nesta mobilización corearon proclamas en contra do goberno estatal: "Ilegalizar ao Partido Popular", "Rajoy dimisión", "Psoe, PP, a mesma merda é" combinábanse con outros cánticos en defensa do dereito ao referendo: "Votar non é delito, é democracia".
O acto concluíu coa lectura dun manifesto por parte de Moraima Pérez, representante do colectivo Erguer, que lamentou a violencia policial por provocar máis de medio milleiro de feridos e responsabilizou desta intervención ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy. No manifesto reclamábase o dereito á autodeterminación e lanzábase unha mensaxe solidaria desde Galicia a Cataluña. O discurso finalizaba cun "Viva os pobos libres e a democracia".
Marcos Conde lembraba aos asistentes que, nos próximos días, é probable que se organicen máis actos destas características segundo como vaian transcorrendo os acontecementos.
Mentres este acto finalizaba, moi preto de alí, na rúa Riestra, unha veciña falaba cos seus acompañantes sobre a situación que se está a vivir en Cataluña exclamando "que se vayan, pero que nos dejen el territorio, que es nuestro". En Gutiérrez Mellado e García Camba tamén se podían ver bandeiras de España colgadas en xanelas e en balcóns.