Un mozo de 24 anos, atropelado nun paso de peóns da avenida de Bos Aires
Por Redacción
Un mozo de 24 anos resultou ferido ao ser atropelado este martes ao redor das 13.30 horas na avenida de Bos Aires cando cruzaba o paso de peóns situado fronte ao colexio Manuel Vidal Portela.
Un turismo conducido por un home de 63 anos golpeaba co mozo. O condutor alegou que non vira o peón, segundo as declaracións recollidas polos axentes da Policía Local que acudiron á zona.
O mozo foi trasladado por unha ambulancia medicalizada ao Hospital Montecelo con prognóstico reservado. Presentaba fortes contusións na cabeza e noutras partes do corpo.
A Policía Local cortou durante vinte minutos un dos carrís de tráfico ata que a vítima foi atendida e trasladada ao centro hospitalario.