Dorrón celebra a Festa da Vendima
Por Redacción
Dorrón celebra esta fin de semana a Festa da Vendima, cunha xornada do máis completa. Será o sábado cando o día comece con alboradas a cargo de Os do Barro e Brétema. Ás 13.00 horas, haberá misa solemne en honra a San Miguel e ao terminar os actos litúrxicos unha actuación, ás 14.00 horas do grupo folclórico Soalleira de Dorrón.
Pola noite, a partir das 22.00 horas, a festa continua no campo de fútbol do Cruceiro, Dorrón, cunha verbena a cargo das orquestras Os Satélites e A Oca Band.
Durante a festa farase o sorteo do tradicional barril de viño e dunha estancia de dúas noites para dúas persoas no Hotel Thalasso Cantábrico As Sirenas.
UNHA FESTA CON HISTORIA
Todo comezou no ano 1959, cando dous veciños da parroquia, Manuel Quiñones Quiñones e Herminio Barreiro Rodriguez, decidiron organizar unha festa para poñer fin á tempada da vendima.
"Fomos recorrendo as casas da zona e pedíndolle aos veciños viño e comida. Despois xuntámonos todos onde facíamos as festas e comemos e bailamos durante todo o día" sinalan os fundadores. E así naceu e foi crecendo unha festa que xa é unha cita obrigada no calendario de outono e que cumpre esta fin de semana 58 anos ininterrompidos de celebración.