Marea Pontevedra proporá un plan de supresión de barreiras no municipio
Por Redacción
A concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira, rexistrou unha moción esixindo ao goberno local o cumprimento da legalidade en materia de accesibilidade, para "garantir os dereitos de todas as persoas da nosa cidade".
A concelleira afirmou que "aínda queda moito" para poder falar da Boa Vila como unha cidade "plenamente accesible".
O Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, que aproba o texto refundido da lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece o 4 decembro de 2017 como prazo máximo para garantir as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación no acceso e utilización dos bens e servizos de titularidade privada a disposición do público polas persoas con discapacidade, e mais no acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados e edificacións.
"En Pontevedra, a transformación urbana ten pendente completar as actuacións que garantan o cumprimento do prazo de referencia", dixo Carmen Moreira. Segundo esta formación política, presentan eivas neste senso locais de propiedade pública, establecementos de titularidade privada de uso público, como a hostalería, os comercios ou os locais de ocio e mais os edificios de titularidade privada ou comunidades de propietarios.
Marea Pontevedra proporá elaborar un plan de supresión de barreiras, consensuado e participado por todos os actores implicados (colectivos de persoas con discapacidade, equipos técnicos e administracións).
Ese plan implicaría facer un estudo técnico de accesibilidade real, determinando a situación actual dos servizos e edificacións neste concello.
Además no plan estableceríanse axudas, subvenciones, exencións ou reducións de taxas ou impostos a aquelas empresas e comunidades de propietarios que favorezan a accesibilidade.
Finalmente, neste plan se promovería a concienciación social e o fomento e promoción da accesibilidade entre os comerciantes, hostaleiros e propietarios.