A segunda xornada provincial para persoas ostomizadas centrarase na actividade física e os aspectos sociais
Por Oskar Viéitez
A Asociación Sociosanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (Assei) organiza o próximo 14 de outubro, a segunda xornada provincial para persoas ostomizadas que nesta ocasión estará centrada no 'benestar psíquico, físico e deportes a nivel social e familiar'.
A xornada celebrarase no Pazo da Cultura e vai dirixida a persoas ostomizadas, os seus coidadores e persoas que teñan interese en informarse sobre o tema. Tamén se presentará un libro de receitas elaborado polo cociñeiro Pepe Solla para persoas ostomizadas e con enfermidades inflamatorias intestinais.
Na programación da xornada inclúese unha charla da psicóloga Yone Ojeda que propoñerá estratexias que contribúen ao benestar das persoas ostomizadas e o seu contorno familiar e social. Ademais afrontaranse as ostomías desde diferentes perspectivas como a fisioterapia, a cargo de Ángeles Delgado e o deporte, con Carlos Leirós.
Tamén se abordarán estas patoloxías desde a perspectiva da familia, cunha charla de Cintia Loira que falará dos coidadores desde a súa propia experiencia.
A entrada é libre e gratuíta, ata encher aforamento, e ten capacidade para 270 prazas.