Pontevedra volverá contratar 20 persoas perceptoras da Risga para traballar en obras e xardíns
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra aprobou este venres, nunha Xunta de Goberno extraordinaria, as bases que rexerán a nova contratación de 20 persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) para favorecer a súa inserción laboral.
Este tipo de contratacións non é nova no Concello de Pontevedra, pero o que se acaba de aprobar son as bases que rexerán a selección das persoas para contratar. O Servizo Público de Emprego Estatal fará unha preselección e, a continuación, o Goberno local realizará a selección final.
Das 20 persoas a contratar, 12 traballarán no servizo municipal de obras, seis en xardíns e dous encargaranse do coidado dos espazos verdes exteriores do cemiterio de San Amaro. Todos os contratos serán por seis meses.
A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde á adxudicación á asociación Xoán XXIII de dúas parcelas de terreo na zona traseira do instituto Gonzalo Torrente Ballester para que poida construír un centro especial de emprego e un centro de formación de persoas desempregadas con algunha discapacidade. Cederanse estes 4.676 metros cadrados para que sexan utilizados con estes fins sociais.
LUZ VERDE AO CONVENIO PARA O ACCESO A MONTE PORREIRO
Esta mesma reunión dos integrantes do goberno local serviu para aprobar o convenio que o Concello asinará coa Deputación Provincial para poder realizar o proxecto do novo acceso ao barrio de Monte Porreiro desde os terreos do antigo solar de Tafisa por Os Campos.
A obra custará 1.576.674 euros e asumirase a medias entre ambas as institucións. O Concello pagará os 439.000 euros que custan as expropiacións e os 1.137.000 euros da obra serán financiados a razón do 70% a Deputación e o 30% a administración local.
O prazo de execución das obras será de nove meses e o convenio podería formalizarse esta mesma semana. Está pendente de pechar a data exacta en función das axendas do alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.