Deteñen cinco persoas por un atraco, entre elas a noiva da vítima
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo cinco persoas, entre elas un mozo menor de idade, relacionadas cun roubo con intimidación que sufrira o mes pasado un veciño de Vilagarcía de Arousa cando estaba no coche, cunha amiga nun polígono industrial do municipio de Moraña.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, este veciño de Vilagarcía estaba no seu coche acompañado dunha amiga, coa que ao parecer mantivera unha relación sentimental, e ambos foron abordados por dous individuos que, esgrimindo, un deles unha pistola, subtraéronlles os respectivos teléfonos móbiles, 80 euros e as chaves do coche a el e dous aneis a ela.
As incongruentes manifestacións da muller levaron ao equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados, que investigou o caso, a sospeitar da súa presunta conivencia cos atracadores. As investigacións confirmarían as sospeitas e así o equipo de investigación procedeu á detención graduada de cada unha das persoas que participaron no roubo.
En primeiro lugar, procedeuse á detención da amiga que, en conivencia co resto dos arrestados, planificou e colaborou activamente para asegurar a impunidade do roubo. A continuación, foron detidos os dous autores materiais: un deles, menor de idade, de 17 anos, que foi o que esgrimía a arma e o outro, que resultou ser a actual parella sentimental da moza.
Por último, foron arrestadas outras dúas persoas, que foron as que os esperaban a bordo dun vehículo para recollelos despois de cometer o roubo.
Finalmente, a Garda Civil levou a cabo dous rexistros domiciliarios. Nun deles incautáronse dúas armas curtas (unha pistola de fogueo e outra simulada) e no outro se localizaron diversos obxectos, supostamente roubados, cuxa procedencia se está investigando.
Os detidos son veciños das localidades de Caldas de Reis, Portas e Moraña, foron postos a disposición do xulgado de instrución de Caldas de Reis, que decretou a liberdade provisional con cargos de todos eles, excepto o menor de idade que foi ingresado nun centro tutelar por orde da Fiscalía.