"Cando chegas o primeiro día á universidade descobres a segunda universidade, que son novos amigos, novas experiencias e novos coñecementos coa tranquilidade de marcar ti o ritmo. Unha gozada". Quen reporta o testemuño é Miguel Angel Yebra, un dos universitarios do campus de Pontevedra matriculado no programa para maiores de 55 anos. Como el Conchi Mumary e José María Fernández, presidente ademais de ASAEX (Asociación de Alumnos e Ex-alumnos Senior).
O Programa para Maiores da Universidade de Vigo comezou en 2002. Está dirixido a maiores de 55 anos e non require estudos previos. No caso do campus pontevedrés a demanda de prazas vai aumentando progresivamente do mesmo xeito que a oferta formativa. Hai dous niveis para matricularse: o Intensivo durante tres anos, con materias de todos os ámbitos e básicas; e o nivel Integrado no que comparten estudos cos alumnos de grao.
Conchi Mumary terminou o Intensivo e agora cursa o nivel Integrado. "O ambiente é magnífico, os mozos son estupendos e a integración fantástica". De feito esta convivencia interxeracional resulta moi enriquecedora para todas as partes: profesores e alumnos dunhas e outras xeracións. José María Fernández é Graduado Universitario Superior Senior desde o ano pasado e reclama con retranca o "Superior Senior Plus" para aqueles que aínda queren seguir estudando unha vez concluídos os dous niveis.
Ana Acuña, coordinadora do Programa para Maiores da Universidade de Vigo lembra que estes alumnos non só acoden ás clases "teñen dereito a todos os servizos da universidade, ao pavillón, os talleres co seu correspondente desconto", e por suposto o seu carné universitario "que che xera unhas endorfinas tremendas", chancean. Ana ademais incide no nivel dos traballos que presentan estes alumnos, que aínda que non é factible aínda, perfectamente poderían considerarse teses. Algúns deles publícanse na revista Gaudeamus, que reflicte o seu quefacer no campus e fóra do mesmo.
En España, son preto de 50.000 universitarios seniors os que están representados en asociacións. Recomendan indubidablemente a que os seniors se matriculen e se asocien, porque o importante "non é só seguir adquirindo coñecementos, senón tamén mantendo relacións sociais con persoas doutras profesións, ideoloxías...unha forma contínua de seguir aprendendo como persoa".
E ollo! non será nada estraño que nun tempo estes estudantes tamén sigan formándose no estranxeiro, porque como avanza José María, xa están en marcha as xestións para realizar programas Erasmus; e de feito intercambios internacionais senior xa hai.