Catro buques coinciden este xoves en Marín descargando peixe conxelado
Por Redacción
Catro barcos con peixe conxelado coinciden este xoves no porto de Marín para abastecer aos frigoríficos situados no recinto portuario. A potente industria do frío de Marín é a destinataria da carga dos buques Igueldo e Paradanta Primeiro, que operan nos peiraos Pesqueiro Norte 1 e 2 e Castelo e Kalatxori, no Peirao Este.
As plantas frigoríficas situadas no porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca.
No seu conxunto superan os 1.000 postos de traballo directos aos que habería que sumar as subcontratas que traballan habitualmente para estas compañías (talleres, vixilancia, limpeza, subministracións, etc.).
Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona. O porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico que supera os 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto. Desde as plantas de frío do porto de Marín expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns deles recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores. O peixe conxelado é unha das mercadorías que contan con certificación europea de calidade no porto de Marín.
Ademais das descargas de peixe conxelado a granel, o porto de Marín é un referente loxístico para a operativa desta mercadoría en colector.
Termarín, a terminal de colectores do porto, é escala nas rutas internacionais de grandes navieras para tráficos deste tipo. Así, o porto de Marín consolidouse como unha porta de entrada de primeira orde para os colectores "reefer" en Galicia. A terminal conta con máis de 500 conexións para mercadoría refrigerada e con todos os servizos e maquinaria especializada para atender estes tráficos.
En total, o porto de Marín acolle hoxe a operativa de oito buques. Aos conxeladores súmanse a carga e descarga de colectores no Peirao Reboredo, a descarga de produtos siderúrxicos no peirao Ceferino Nogueira e as descargas de 55.000 toneladas de graneis agroalimentarios entre os peiraos Leirós e Oeste.
Relacionadas:
-
Peche sindical en Marín pola falta de negociación no convenio de elaboración de produtos do mar
Por Oskar Viéitez |
-
O Porto de Marín supera os dous millóns de toneladas ata outubro
Por Redacción |
-
O Porto de Marín consolida a súa actividade cunha subida no tráfico de mercadorías
Por Redacción |
-
Marín move máis de 118.000 toneladas de froita ao ano a través do seu porto
Por Redacción |
-
O porto de Marín presenta os seus servizos para froita e hortalizas nunha feira internacional
Por Redacción |
-
O estaleiro de Praceres e Nodosa atópanse a pleno rendemento
Por Oskar Viéitez |
-
A ampliación da terminal de colectores permitirá dobrar a capacidade dos barcos que recibe o porto
Por Oskar Viéitez |