O modelo de cidade "en pequerrechiño" vai aplicarse no barrio do instituto Torrente Ballester
Por Redacción
O goberno local mantivo diferentes asembleas cos veciños da contorna do instituto Torrente Ballester, situado nas proximidades da Avenida de Vigo para acometer obras de reforma que afectan o tráfico e ao aparcadoiro desa zona.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicaba que está previsto levar o modelo de cidade "en pequerrechiño" a esta contorna. Sinalou que é necesario porque 580 estudantes do Instituto móvense nesa zona e "andan coa cabeza a paxaros".
Por este motivo a rúa de acceso ao centro de estudos, Herminia Fariña Cobián, será reformada para pasar a ter un só carril, só de saída. As beirarrúas ampliaranse ata os 4,30 metros. Na rúa situada diante do instituto, Pintor Virxilio Blanco, eliminarase o aparcadoiro para que as beirarrúas conten con máis de 2,25 metros de ancho.
Os cruces terán un pavimento elevado que, segundo Demetrio Gómez, alertará os condutores de que se atopan nunha zona prioritaria para peóns.
Estes espazos ofrecerán un deseño similar ao de prazas pero sen mobiliario urbano porque o obxectivo para o goberno local é que xeren amplitude debido a que estas rúas son angostas e con edificios elevados. Tentarase eliminar o tráfico de paso e instalaranse lombos redutores de velocidade solicitados polos veciños na rúa Urbano Lugrís, que dá acceso ao aparcadoiro disuasorio, segundo expuxo o concelleiro.
O orzamento é de 240.000 euros cun prazo de execución de catro meses. O concelleiro sinalou que agora se inicia o procedemento administrativo e que o proxecto podería estar finalizado no verán de 2018.
Relacionadas:
-
Comezan as obras na contorna do IES Torrente Ballester
Por Redacción |
-
Máis seguridade peonil para o ámbito do IES Torrente Ballester
Por Alejandro Espiño |
-
"Pontevedra hizo historia en la movilidad urbana", di un alto cargo do Concello de Madrid
Por Oskar Viéitez |
-
Catro novas obras, en marcha a próxima semana en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |