Marea quere dar uso social á antiga central eléctrica de Mollabao e non derrubala
Por Redacción
Para Marea, a antiga central eléctrica de Mollabao é unha "sinalada" mostra de arqueoloxía industrial. De aí que, ante a intención de Gas Natural Fenosa de derrubala polo seu mal estado, instan ao Concello a estudar a posibilidade de conservar o edificio e darlle un uso social.
Luís Rei, voceiro de Marea Pontevedra, chamou a atención sobre a importancia histórica e arquitectónica desta construción e mesmo o seu valor sentimental para multitude de veciños de Mollabao e da cidade, noventa anos despois da súa inauguración, en xuño de 1927.
Esta central de Mollabao, agora propiedade de Gas Natural Fenosa, foi construída pola Sociedad General Gallega de Electricidad, empresa que por eses mesmos anos apostaba decididamente pola modernización eléctrica de Galicia coa construción da central do Tambre.
Desde esta fábrica de electricidade, e no contexto da liña Vilagarcía-Pontevedra, deseñouse o tendido que chegaría á nosa cidade nunhas datas en que sufría importantes deficiencias de potencial eléctrico.
A posta en marcha desta instalación, cunha potencia de 66.000 voltios e no solar que previamente ocupara a capela dos Santos de Mollabao, foi unha gran mellora no alumeado urbano e no servizo ás industrias e particulares, á parte de abrir o camiño á electrificación do tranvía Pontevedra-Marín.
Marea Pontevedra entende que o goberno municipal non debe incorrer, con este edificio, na mesma "permisividade" que condenou á desaparición o Teatro Malvar e o chalé dos obreiros de Tafisa.
Para Marea Pontevedra, a non demolición do edificio coa súa "peculiar e distintiva" forma arquitectónica, permitiría darlle algún uso social no futuro, no contexto das obras de humanización previstas polo Concello nesa contorna urbana.
Mesmo, en clave de arqueoloxía industrial, "podería sumarse á posta en valor dos restos que se conservan en Monte Porreiro da antiga central eléctrica do Lérez", explica Luis Rei.
Así, Marea pide ao Concello que traslade o expediente ao servizo de Patrimonio da Xunta, para que os seus técnicos estuden, avalíen e ditaminen sobre o valor histórico e arquitectónico dun edificio que, "como tantos destas características relacionados co desenvolvemento da enerxía eléctrica", son conservados e rehabilitados en moitas cidades españolas e europeas.