Desaloxan un grupo de mozos que facían botellón nun hotel pechado de Poio
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Local de Poio entraron na tarde deste domingo no Hotel La Vionta para desaloxar a un grupo de mozos que se atopaba no interior deste establecemento pechado ao público desde hai un tempo pero coas instalacións aínda montadas.
A dona do hotel acompañou aos axentes da lei nesta intervención enmarcada dentro do plan de prevención de condutas delituosas.
Segundo informaron fontes oficiais, os axentes foron alertados a requirimento dos donos de que un grupo de mozos estaban a causar danos no interior deste hotel situado no Camiño Franxeiro, no lugar de Fontenla.
Ao chegar, os veciños comentaron que desde hai algún tempo algúns rapaces entran pola parte de atrás neste hotel para facer botellón, o establecemento atópase moi próximo ao instituto de Poio. Os donos aseguraron que non eran coñecedores do tema.
Unha vez no interior do recinto foron identificados nove mozos, un deles menor de idade. Alí tamén había botellas de alcol. Non se practicaron detencións.
Como medida preventiva esta semana serán tapiados os accesos ao inmoble.