O programa 'En Ruta coa Depo' incrementa en 100.000 euros o seu orzamento
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente de contratación, mediante proceso aberto, da xestión e execución do programa 'En Ruta coa Depo' para o ano 2018.
Nesta iniciativa promovida polo servizo de Cohesión Social e Xuventude, a administración provincial investirá 360.000 euros, o que supón incrementar en 100.000 euros a cantidade destinada con respecto á pasada edición.
O programa contará con 32 rutas que darán a coñecer lugares á provincia a preto de 20.000 persoas, das cales 400 poderán anotarse de balde no caso de atravesar dificultades económicas ou estar en risco de exclusión social.
'En Ruta coa Depo' está dirixido a entidades sociais da provincia, que poderán solicitar tres das 32 rutas propostas, sinalando o mes e o día preferidos para a súa realización. Unha vez concedida poderán gozar dunha xornada coñecendo os lugares sinalados acompañados dun guía. Ademais contarán con transporte e incluirase unha comida para todos os participantes.
As opcións propostas dividiranse en temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas a persoas con mobilidade reducida e rutas dinámicas e interxeracionais.
Segundo sinala a Deputación, este programa pretende impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a mocidade e o lecer dinámico e saudable. Tamén se establecerán propostas para que pais, nais ou titores poidan gozar cos nenos dun lecer san e alternativo.