Deteñen dous veciños de Bueu por amazarse coas súas pistolas
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo esta fin de semana dous veciños do municipio de Bueu por mor dun altercado.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos sucederon o pasado domingo nun establecemento público da parroquia de Beluso onde se produciu unha acalorada discusión entre dous veciños do municipio.
A primeira noticia que recibiu a Garda Civil evidenciaba a posibilidade de que ambos se estaban ameazando mutuamente con sendas armas de fogo.
Ante a aparente gravidade dos feitos desprazáronse tres patrullas de seguridade cidadá ao lugar, onde se puido localizar e identificar a un dos contendentes. No rexistro superficial das súas pertenzas intervéuselle un bolso onde gardaba unha pistola detonadora, cunha bala na recámara e cargada con catro proxectís máis no cargador.
Posteriormente foi localizado no seu domicilio a outra persoa implicada na disputa, que xa abandonara o establecemento onde se produciu a discusión. A pesar de que tanto a alerta recibida como a información solicitada polas patrullas apuntaban a posibilidade de que esta persoa tamén esgrimira outra arma de fogo, esta non puido ser localizada.
A investigación, levada a cabo polo posto da Garda Civil de Marín, conclúe que a discusión entre estes veciños suscitouse por unha suposta débeda e ambos foron detidos, acusados dun presunto delito de ameazas.
Os dous quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial, cando sexan requiridos. As dilixencias e a arma incautada foron entregadas no xulgado de instrución número 1 de Marín.