Absolven dous mozos de Bueu por simular sufrir lesións nun accidente de tráfico
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolve a Iván e Christian, dous mozos de Bueu que foran acusados dun delito de estafa por simular sufrir lesións nun accidente de tráfico para cobrar a correspondente indemnización.
Iván V.M. estaba acusado de estafa consumada e xunto a Christian M.E. tamén o estaba de estafa procesual.
O tribunal declara feitos probados que, nunha data non concretada do mes de xuño de 2013, o condutor dun turismo con seguro de responsabilidade civil concertado coa compañía Zúrich chocou co coche da nai de Iván, sen que consten outras circunstancias do accidente.
Por este sinistro o mozo percibiu unha indemnización de ao redor de 600 euros. Christian interpuxo demanda de procedemento ordinario reclamando indemnización por lesións contra a aseguradora que foi admitida a trámite no xulgado e suspendida por prexudicialidade penal.
Na sentenza recóllese que o desenvolvemento da vista oral levou ao tribunal á convicción de que non quedou probada a concorrencia dos elementos esenciais para a existencia dos delitos atribuídos aos acusados.
No fallo, as maxistradas pontevedresas declaran que "non se probou polas acusacións que mediase o engano que se afirma".