Unha muller e unha nena de Poio foron trasladadas por intoxicación de monóxido de carbono
Por Redacción
Unha muller e unha nena tiveron que ser trasladadas polos servizos sanitarios a un centro hospitalario con síntomas de intoxicación durante as últimas horas da tarde deste venres.
Segundo indican desde o servizo de emerxencias do 112 Galicia, a mala combustión dun quentador de gas na vivenda sería o causante da intoxicación.
O persoal do 061, ao redor das 19.30 horas informaba ao 112 Galicia da presenza de dúas persoas con síntomas de intoxicación nunha casa da Avenida de Andurique, no municipio de Poio. Outra muller, amiga da afectada, tamén chamaba a esa mesma hora indicando que a intoxicada sufría taquicardias e, ademais, tiña dores de cabeza.
Os responsables do 112 Galicia puxéronse en contacto cos Bombeiros de Vilagarcía, co GES de Sanxenxo, Policía Local e Protección Civil de Poio. Ademais tamén se informou aos bombeiros do Parque de Ribadumia e ao persoal da empresa subministradora do gas.